Datos personales

viernes, 19 de febrero de 2016

Sesión 18 de febreiro: “Actividades de expresión oral” (Luz)



Esta sesión con Luz iniciou cun warm-up que consistiu en encher un crucigrama cos nomes das nosas compañeiras, no que as preguntas coincidían coas curiosidades que cada unha de nós escribira o primeiro día nunha folla. Este exercicio paréceme moi interesante para o inicio de curso, xa que pode axudar a que os estudiantes teñan máis información sobre os compañeiros e a profesora. Aprendín que as actividades cubren máis dunha destreza e cantas máis destrezas integremos nunha clase mellor.
A expresión oral pode traballarse de diversas formas na aula de inglés: mediante presentacións, explicacións, role-plays, mediante a interacción (entrevistas) ou mediante a mediación (facendo un resumo oral, contando unha película…)
O enfoque comunicativo é de vital importancia no estudio dunha lingua, sen embargo na miña experiencia como estudiante de inglés apenas tiñamos oportunidade de expresarnos oralmente. Isto levou a aprender moitos coñecementos de gramática cunha escasa capacidade de comunicación. Penso que as clases de inglés son moito máis divertidas e enriquecedoras cantas máis actividades deste tipo inclúan. Cando realicemos este tipo de actividades, deberemos ter en conta que o contexto sexa do interese dos alumnos e co que se sintan identificados, e debemos deixar que a comunicación se desenvolva entre eles de forma fluída.
Luz recomendounos o libro “The Minimax Teacher” de Jon Taylor. As actividades do concepto minimax caracterízanse pola personalización, a imaxinación e a memoria. Paréceme moi útil recurrir a fotografías para potenciar a expresión oral. Na clase vimos varios exemplos de como utilizalas e Luz recomendounos as fotografías da fotógrafa Dina Goldstein, entre outras.
É importante exercitar a memoria dos nosos alumnos, facendo que lembren feitos do pasado ou conceptos da clase anterior. Tamén é importante xogar coa súa curiosidade, por exemplo amosándolles obxectos persoais de forma que eles intenten adiviñar o motivo polo cal algún obxecto resulta especial para nós.  Entre as estratexias que combinan estes principios parécenme útiles o brainstorm, o “one question many answers”, as caixas de adiviñar palabras… Todas elas son moi versátiles e considero que o principal reto do profesor consiste en conseguir que tódolos alumnos participen nestas actividades e que os turnos de intervención sexan equitativos. Luz comentounos que cando isto non sucede é boa idea que traballen en grupos e despois sexa un portavoz o que expoña as conclusións en voz alta. Gustoume o xogo das dúas sospeitosas do crime e o da tía, porque non contaba con que a resolución se basease na ortografía.
Os materiais de audio, como por exemplo as cancións, poden ser un soporte ideal para realizar unha actividade de tipo lingüístico, ó igual que os vídeos sen sonido. Tamén se pode recurrir ós tests psicolóxicos, como por exemplo o de “egg personalities” que vimos na clase. En resumo, a expresión oral pode traballarse de moi diferentes formas e é importante variar o tipo de actividades para que a aprendizaxe sexa máis completa e amena.

No hay comentarios:

Publicar un comentario