Nesta
sesión Carlos explicounos o concepto de tradición pedagóxica, o cal quedara
pendente da sesión anterior. A tradición pedagóxica condiciona a miúdo o ensino
de linguas estranxeiras e varía en función do centro e do país. Por exemplo,
Alemaña e os países árabes teñen unha tradición fundamentalmente gramatical,
mentres que os países anglófonos presentan unha tradición fundamentalmente
comunicativa, onde a lingua oral cobra especial importancia. Para min o ideal
sería combinar ambas de xeito consensuado.
A
relación profesor-alumno tamén cambia en función do país. O alumno pode
someterse ó profesor, pasando a un segundo plano, ou pola contra pode ter un
papel activo sendo o docente un guía que o acompaña na aprendizaxe. Na miña
experiencia como alumna predominou a ensinanza tradicional, cun docente
transmisor de coñecementos, mais considero que estaba máis motivada naquelas
materias nas que se fomentaba a participación e a aprendizaxe autónoma.
Analizamos
despois os obxectivos e as necesidades do alumnado. Os obxectivos son definidos
polo docente, o centro e/ou a administración pública e corresponden a tres
niveis de concreción curricular. Os obxectivos son necesarios, xa que facilitan
a avaliación, proban a eficacia da metodoloxía aplicada, permiten a reflexión
sobre as aprendizaxes e sirven para construír unha aprendizaxe adaptada ás
necesidades e intereses do alumnado. No relativo ós obxectivos do ensino das
linguas estranxeiras, chamoume a atención o de desenvolver atitudes positivas
sobre a lingua oral e escrita, xa que non é a primeira vez que un alumno deixa
de estudiar inglés argumentando que “o odia” ou “non vale para estudialo”. A
atitude é fundamental para emprender calquera tipo de actividade, tamén o
estudio dunha lingua.
Despois
comezamos co tema das metodoloxías. Estas responden ás necesidades e poden
coexistir no tempo. Van cambiando coa sociedade. Na aula poden convivir varias
prácticas metodolóxicas. As metodoloxías clasifícanse en:
-Metodoloxía
tradicional: xurdiu no século XVI. Estaba dirixida á nobleza e ó clero. Ten
como obxectivo facilitar o acceso ós textos literarios. É unha aprendizaxe
centrada no profesor, como suxeito transmisor de coñecementos. Predomina a
lingua inicial e as actividades gramaticais e de tradución. Esta metodoloxía
sigue vixente na actualidade, xa que se fomenta a memorización, o ensino da gramática
explícita…
-Metodoloxía
directa: xurdiu a finais do século XIX e principios do XX. Tiña como obxectivo
aprender a falar cun método activo e global. Baseábase na metodoloxía natural
de Gouin e as teorías de aprendizaxe. Dirixíase á burguesía urbana e o docente
ademais de dirixir a clase representaba un rol de animador, recurrindo á mímica
e á conversa. Predomina a lingua oral e hai un uso exclusivo (directo) da
lingua estranxeira. Emprégase a linguaxe xestual. Enfatízase a fonética e a pronuncia
e recúrrese á gramática de xeito implícito.
-Metodoloxía
activa: xurde no século XX como un compromiso entre o tradicional e o moderno.
É unha metodoloxía ecléctica, pois recurre a certas prácticas tradicionais e
mantén os principios xerais da metodoloxía directa.
-Metodoloxías
MAO-MAV: a metodoloxía MAO xurde nos 60 nos Estados Unidos e a SGAV no mesmo
período en Francia. Teñen como obxectivo aprender a comprender, falar, ler e
escribir. O docente deixa de ser o único referente oral e visual e tamén se
empregan discos, diapositivas, transparencias… aparecen tamén os laboratorios
de linguas. Predominan a lingua oral e a lingua estranxeira. Ensínase a
gramática explícita. A aprendizaxe do léxico é secundaria. Empréganse
exercicios baseados na repetición, trabállanse as catro destrezas e tamén se
empregan exercicios estruturais.
-Metodoloxía
SGAV: está influenciada por Chomsky e a Teoría da Gestalt. Dan importancia á
situación de comunicación (léxico e gramática) empregando conxuntamente a imaxe
e o son.
-Achegas
comunicativas (Metodoloxía situacional inglesa, Enfoque Comunicativo e Enfoque
Funcional-Nocional): xurden nos anos 80-90 e teñen os mesmos principios de
base. Dan prioridade á lingua oral e recurren á gramática explícita. O enfoque
funcional-nocional é a ponte entre a metodoloxía comunicativa e o enfoque por
tarefas.
-Enfoque
por tarefas: xurde no ano 2000. Consiste en realizar tarefas significativas
para adquirir competencias lingüísticas. Predomina a lingua oral e o alumnado é
máis autónomo, potenciando o traballo en equipo. O alumnado é moi activo, mentres
que o profesor monitoriza.
Na
miña opinión tódolos métodos teñen aspectos positivos e o ideal sería
combinalos de forma consensuada dependendo do nivel. A metodoloxía directa
resulta útil para os alumnos de nivel principiante. O enfoque comunicativo
capacita ó alumno para unha comunicación real, sendo tamén de gran utilidade.
Por último o enfoque por tarefas paréceme útil para fomentar o traballo
interdisciplinar en grupo.
No hay comentarios:
Publicar un comentario