Na
actualidade existen un gran número de cursos de inglés: presenciais,
semipresenciais, online… algúns deles están impartidos por profesorado nativo e
outros non. A duración tamén é variable, así como a frecuencia de impartición
das sesións, horas lectivas… Os resultados dependen do esforzo do alumnado e
dos seus obxectivos, así como do curso.
Na
miña opinión, un curso de inglés debe ter en conta as catro destrezas
principais: expresión oral, expresión escrita, comprensión lectora e
comprensión auditiva.
A comunicación xoga un
importante papel no proceso de ensinanza-aprendizaxe do inglés como lingua
estranxeira. A expresión oral desenvólvese a través da interacción oral e o
desenvolvemento de estratexias comunicativas, tentando que a comunicación entre
o profesor e o alumno sexa cada vez máis efectiva. Na aula deberíanse producir
espacios de interacción comunicativa nos que se desenvolvesen intercambios de
información onde o profesor e o alumnado interactuasen en diversos contextos e
situacións. Deste xeito mellorará a competencia comunicativa dos estudiantes.
A
expresión escrita é clave para expresar pensamentos e sentimentos, así como
opinións etc. Para ser capaces de escribir correctamente en inglés os alumnos
deberán ter alcanzado un nivel mínimo de competencia oral. A expresión escrita
será mellor canto maior sexa a súa habilidade lectora, xa que estas competencias
interrelaciónanse entre si. O inglés é a lingua de comunicación na maior parte
dos artigos académicos, de aí que a comprensión lectora sexa determinante para
a comprensión global dos textos, desenvolvendo estratexias lectoras e
incrementando o enriquecemento do léxico.
O
feito de falar unha lingua non implica necesariamente a súa comprensión. Moitas
situacións auditivas non implican unha reacción verbal (por exemplo escoitar as
noticias ou entender as mensaxes polo altavoz dun aeroporto). Os laboratorios
de idiomas contribuíron notablemente a desenvolver a comprensión auditiva e
deberían ter un protagonismo especial en calquera curso de inglés de calidade.
Do mesmo xeito, os docentes deberían recurrir con regularidade ó emprego de
vídeos e cd como ferramentas de apoio na aprendizaxe, pero preparando o
material, o tipo de actividade e a súa avaliación.
Na
miña experiencia como alumna de inglés detectei a falta dun equilibrio entre as
catro destrezas. Sempre se lle deu máis importancia á parte gramatical que á
parte oral, por exemplo. En moitos casos a metodoloxía non era a máis axeitada,
xa que non sempre os alumnos tiñan a posibilidade de participar, debatir e
expresarse en inglés. Ademais nalgúns casos empregábanse materiais de
aprendizaxe pouco atractivos ou incluso desfasados. É tamén moi importante a
atención que o centro proporciona ó alumno, canto máis personalizada sexa máis
doado e eficaz será o proceso de aprendizaxe. En resumo, o centro deberá estar dotado
dunha provisión de medios adecuada e as clases non deberían ter máis de vinte
alumnos, xa que se hai demasiados estudiantes o profesor non poderá resolver
satisfactoriamente as dúbidas que poidan xurdir, e ademais a participación do
alumnado na aula sería mínima.
Facendo
clic no seguinte enlace obteredes información adicional sobre o Marco Común
Europeo de Referencia das Linguas, o cal contempla as catro destrezas e
clasifica ós usuarios dunha lingua en usuario básico, usuario independente e
usuario competente:
No hay comentarios:
Publicar un comentario