Esta
sesión iniciou cunha actividade colaborativa que fixemos en grupos de catro. A
actividade consistiu en explicar que tipo de didáctica debe aplicarse, cal pode
aplicarse e que factores deberemos ter en conta á hora de elixir unha ou outra
didáctica na asignatura de Lingua Estranxeira para Educación Infantil e
Primaria, Lingua Estranxeira no Ensino Secundario, Lingua Estranxeira na FP,
Lingua Estranxeira na EOI, Lingua Estranxeira a seniors e castelán como lingua
estranxeira. Despois dun debate inicial en grupos fixemos unha posta en común
colectiva coas nosas conclusións. Chamoume a atención que a AICLE poida empregarse
tanto en Primaria coma en Secundaria e tamén na FP, sempre que o centro teña o
programa plurilingüe. Concluímos tamén que a didáctica CALL pode empregarse en
tódolos niveis excepto cos seniors e o profesor fixo referencia ó “mobile
learning” dentro desta didáctica. Aínda que moitos profesores non permiten
empregar o teléfono móbil na aula, a min persoalmente paréceme un dispositivo
moi útil, xa que ofrece unha aprendizaxe personalizada en calquera momento e
lugar, permite adaptarse ó estilo de aprendizaxe de cada estudiante e fomenta o
dinamismo. Respecto ós factores no momento de elixir unha ou outra didáctica,
chegamos á conclusión de que a idade é un dos factores recurrentes. Hai uns
anos traballei como profesora de español para estranxeiros nun college de
formación para adultos en Irlanda e empreguei o ELE 1 (Curso de español para
extranjeros). Naquel momento non tiña formación previa en Didáctica e non era
consciente da importancia de aplicar o tipo de didáctica máis axeitada en
función das características dos alumnos e do centro, así como tamén das súas
necesidades e obxectivos, pero agora sei que é determinante no ensino das
linguas estranxeiras.
A
segunda actividade colaborativa consistiu na visualización dun vídeo dunha
sesión de inglés na Educación Infantil. Foi moi divertido ver como os nenos
repetían sen medo as palabras que pronunciaba o profesor. No vídeo o profesor
variaba a entoación para captar a atención dos nenos e xesticulaba moito. En
grupos de catro analizamos as diferencias entre os adultos e os nenos menores
de oito anos no momento de aprender unha lingua estranxeira. As nosas
conclusións colectivas foron as seguintes:
Os
nenos teñen estructuras lingüísticas máis simples, teñen menos sentido do
ridículo e ausencia de bloqueos cognitivos, son menos conscientes dos erros,
teñen máis capacidade de imitación, non son conscientes das necesidades de
aprender unha lingua, son menos analíticos, teñen menos concentración, teñen un
maior nivel de curiosidade inicial xa que son desinhibidos, teñen máis
necesidade de actividade física e a súa lingua inicial non é un filtro. O
profesor comentou que o compoñente socioafectivo é fundamental na ensinanza a
nenos, xa que deben estar contentos na clase. Persoalmente prefiro dar clase a
adolescentes ou adultos, xa que podo profundizar nos conceptos e traballar con
estruturas máis complexas. Ademais paréceme máis fácil captar a atención nesas
idades que na infancia.
A
terceira actividade colaborativa consistiu en relacionar a lingua de saída e a
lingua de chegada. En grupos de catro tivemos que atopar un exemplo de
transferencia positiva entre o castelán e o inglés e un exemplo de
transferencia negativa. Como transferencia positiva puxemos o exemplo dos
anglicismos que conservan as mesmas acepcións que en inglés (por exemplo
“leasing”) e como transferencia negativa fixemos referencia ós false friends, por exemplo “actually”
que significa “realmente” e non “actualmente”.
No hay comentarios:
Publicar un comentario